jueves, 14 de febrero de 2019

O noso coro vai de xira

O noso coro acudirá o 19 de febreiro ás 11:30 ao Encontro de Coros Escolares do IES Afonso X O Sabio que terá lugar no Aǵora. Rechouchíos é o nome deste encontro, que nos parece especialmente acaído, porque a verdade é que o que se escoita dos ensaios tras os portas do salón de actos soa de marabilla.

E xa o sabedes: se pensades que cantar fóra da ducha tamén está ben, se os vosos gatos ou cans non tapan os ouvidos cando cantades (nin os vosos veciños!)... se cadra é que deberiades explorar esa faceta "lalalá".

Nós estamos os luns no segundo recreo e o xoves no primeiro ensaiando e asegúrovos que as pezas escollidas e o ambiente pagan a pena.
Animádevos e vinde! E de aquí a ... La Voz! :-)

PARABÉNS, "DEBATEIROS".


A pasada semana, os alumnos e alumnas de 1º de Bacharelato do club de debate acadaron un logro máis que destacábel: na súa primeira participación, chegaron a semifinais no Torneo de Debate Académico de Galicia organizado pola Fundación Barrié, quedando a un só punto de entrar na final.


Foron uns momentos do máis emocionantes e coma nun combate de boxeo (iso si, dialéctico e pacífico, coa intelixencia coma mediadora), mantiveron o público expectante até o final. O primeiro round, coma lles ocorre aos grandes combatentes, estivo cheo de dificultades, mais foi no segundo cando noquearon por completo o rival e demostraron do que son capaces.

Os nosos máis sinceros parabéns aos dous equipos, cuxos integrantes mencionamos abaixo, á adestradora-súper profe Almudena García Castrillo e a Carlos Galego, formador.

Estamos moi orgullosos de vós! :-)

MADARIAGA 1
Manuel Barrio
Alba Iglesias
Iria Jiménez
Álvaro Pastor
Almudena García
MADARIAGA 2
María Dans
Nahir Parga
Daniela López
Jose López
Carlos Galego

viernes, 1 de febrero de 2019

Cando a Candeloria chora, medio inverno vai fóra

Mirando pola fiestra e vendo a que cae, non sei eu canto de verdade haberá neste dito, mais no noso centro xa cheira a primavera; se non, que llelo digan aos corredores de primeiro da ESO, nos que temos unha árbore do máis orixinal e colorida e milleiros de paxariños piadores feitos de papel que presaxian o que será o cambio de estación.

E é que é certo que se achega San Valentín, mais non nos esquezamos de que tamén temos outro modo de reinterpretar este tempo, un modo máis "de noso". Así, en moitos puntos da nosa xeografía galega coma Oseiro, Becerreá, Cervo ou Cedeira celébrase a Candeloria, unha festa nas súas orixes pagana que despois se cristianizaría e que está baseada nas Lupercales romanas (as festas do lume en honor á fertilidade). Nela acendemos candeas (de aí o seu nome) para afastar as desgrazas e protexer as colleitas; é unha festa da luz que tamén vos ten o seu aquel máis "romántico", xa que, como din o nosos refraneiros, "Na Candeloria, ningunha ave voa soa" ou "Pola Candeloira casan os paxariños e maila galiñola" ;-)

Velaquí os traballos sobre a Candeloria dos alumnos e alumnas de 1º da ESO da profesora Bea Moreno, do Departamento de Galego. 

















viernes, 18 de enero de 2019

Rueiro feminino no... "Masculino"?

Xa sabedes que terminamos o ano ao grande, presentando na nosa Semana Cultural (http://bibliotecasalvadordemadariaga.blogspot.com/2018/12/semana-cultural-muller-e-pensamento-e.html) celebrada en novembro, unha cantidade de proxectos interdisciplinares que tiveron como motivo único a visibilización da muller na ciencia, nas letras e, en definitiva, na historia.

Tivemos concertos que visibilizaron as obras de moitas compositoras esquecidas, mais tamén exposicións nos nosos corredores que os diferentes departamentos organizaron con moito agarimo. Así, é imposíbel pasear polo noso centro e non atoparmos nomes de mulleres (ao principio pode que descoñecidos) cos que pouco a pouco nos imos familiarizando; e niso precisamente consiste "visibilizar": en familiarizarse, en normalizar.  Alén disto, realizáronse exposicións de ciencia, un cadro das Meninas que non ten nada que envexar ao do mesmísimo Velázquez e os rapaces, desde varias materias (como historia) deseñaron presentacións únicas e moi documentadas que concentraremos nunha ligazón á que poderedes acceder en breves. Por último, contamos xa desde hai bastantes semanas cun rueiro da cidade na entrada que vén demostrar o pouco que deben de gustar os nomes de mulleres para empregar nas nosas fachadas; é por iso mesmo que decidimos facer un rueiro persoal no centro, porque pode que o instituto se "malchame" a nivel popular o "Masculino" por cuestións xa moi antediluvianas, mais o masculino, como dicimos no noso twitter (https://twitter.com/SalvadorIes/status/1083676071374061569), sen o feminino non existe; ou somos todos ou ningún.

Déixovos cunha mostra do noso magnífico rueiro, unha mostra pequena, pois son perto de vinte mulleres as que saen representadas (de momento) nos nosos corredores, e así é que nós podemos dicir aquilo de "pois mira, cruzas en Maruxa Villanueva e segues recto até Enriqueta Otero) ;-)

Que vos parece esta iniciativa? E non me diredes que non quedaron ben fermosas as nosas plaquiñas! Aquí temos que dar as grazas a http://maiscordixital.com/, que fixeron un traballo ben estupendo, coma sempre.

#RueiroIESSalvadorDeMadariaga

Vémonos nos comentarios ;-)


domingo, 13 de enero de 2019

Axuda! Un libro logra escapar dos andeis da nosa biblioteca e cobra vida!


Hai uns días un libro logrou escapar da Biblioteca do I.E.S. Salvador de Madariaga e acampou na mesa da entrada cobrando vida e deixando unha adiviña para todo o alumnado do centro.

De que libro se tratará? Vinde, vede e opinade. Eu creo que non vai volver ao sitio até que non o adiviñedes... E é doado... Eu non digo "na"...

viernes, 21 de diciembre de 2018

Unha recomendación literaria para Nadal!

Ademais de vos contar as últimas novas do centro, non podemos evitar descubrirvos as nosas grandes xoias literarias. Porque as temos. E moitas.
Pode que vos pareza mentira, mais as bibliotecas falan e de viñerdes aquí cada día comprobariades como de cando en vez algún andel rabea por vos mostrar un libro máxico e vos berra "Ei! Aquí, Aquí! Colle este!!".
Nesta ocasión, e pode que sexa aínda polo influxo do 25 N, un libro bisboume e eu, que sempre estou atenta á chamada das palabras de papel, deixeime levar e botei man do cuarto estante da segunda columna (si, si, o que está ao lado da mesa do ordenador!). Vaia xoia! Velaquí a tedes!


É posibelmente o meu libro favorito (a da que escribe, que non sabemos quen é; será unha pantasma?), un libro que non pasa desapercibido, que conmove e indigna. Un libro que sabe a filosofía, a historia mais tamén a modernidade, a amor, a valentía e cuxa imaxe principal xa nos revela moito da maneira en que está escrito, como un patchwork, con anacos das vidas de tres mulleres poderosas e valentes que desafiaron o patriarcado (cada unha na súa época e cos seus medios).

Que terán en común unha estudante de doutoramento, a raíña Christina de Suecia e a parteira e meiga Hélène Jans? Un home (ou, mellor dito, un medio home), un home que moitas e moitos de vós estudades en 2º de Bacharelato. Quen será?
Se vos animades a o levar, agardo que vos guste! :-)










sábado, 1 de diciembre de 2018

Semana Cultural "Muller e pensamento" e anuncio dunha sorpresiña final...

O noso centro está que arde nas últimas semanas!
 Se no último post vos contabamos a visita do narrador Samuel Mountoumnjou, neste facemos un repaso pola Semana Cultural celebrada do 5 ao 9 de novembro que levou por título Muller e pensamento. 
Palestras, películas, actuacións musicais en vivo... Todo un luxo ao servizo dunha causa máis que nobre, pois nesta ocasión quixemos render unha homenaxe a todas as mulleres que non tiveron a oportunidade de entrar no grande e por veces inxusto libro que é a Historia, un libro cheo de luces e sombras no que, non sabemos aínda moi ben por que (ou talvez si...), á muller sempre lle tocou estar relegada á escuridade.
Así, o LUNS proxectamos dúas grandes palestras sobre a situación social da muller. Chimamanda Ngozi e Emma Watson "viñeron" (transmutadas en imaxe de Youtube, iso si) ao noso centro para dárennos a súa visión ao respecto e alumnado e profesorado traballamos cunhas unidades didácticas especialmente deseñadas para a ocasión. Debatemos, indignámonos, compartimos mais, sobre todo, construímos pensamento, un pensamento plural e integrador.
Continuándomos con esta visibilización da muller o MARTES as nosas alumnas e alumnos de 2º da ESO desfrutaron dunha gran película que contou con tres nomeamentos aos Óscar, Figuras ocultas. Absolutamente emocionante! Por iso, se non a vistes, recomendámosvola. 
Xa no XOVES, o cantautor Xoán Curiel e mais a profesora de lingua galega, Iris Gey, ofreceron ao alumnado de 3º da ESO un concerto didáctico ao redor do Pergamiño Vindel que sorprendeu polo seu enfoque feminista (sabiades que existe unha tese que defende que as cantigas de amigo foron en verdade creadas por mulleres e non por trobadores? Pois nós xa si! ;-) ). Alén das cantigas do Pergamiño, deleitáronnos con outras pezas, todas elas ligadas a grandes figuras femininas: María Soliña, Rosalía de Castro... Unha delicia! 
Mais a sección musical non terminou aquí, nin moito menos, que vos temos moita rapazada talentosa e así o VENRES os de 1º da ESO puideron asistir a un concerto único no que demos voz ás meirandes autoras de todos os tempos. Houbo piano, frauta, grandes voces solistas, grupos o noso marabilloso coro... E máis de algún e algunha pensamos aquilo de "De Manuel Carrasco e Malú escoitaren isto quedabamos sen alumnado fixo; todos a La Voz seguro!" (pensando seriamente en crear un La Voz Salvador de madariaga... Que opinades?).
Pero como non todo vai ser música nesta vida, tamén tivemos ciencia, artes plásticas e enxeñaría urbanística e así puidemos ver unha exposición de mulleres na ciencia, unha reprodución marabillosa do cadro d´As Meninas á entrada e advertir como no noso rueiro da Coruña non ha apenas ningunha representación feminina. E como no Salvador de Madariaga somos moi reivindicativos, puxémonos a traballar. En que? Ah! Teredes de esperar unhas semaniñas, pero xa vos anunciamos que no noso centro haberá avenidas, prazas... Que cousas! Están tolos estes “Madariaganos”!

Esperámosvos no próximo post e, xa sabedes, admitimos comentarios (é máis, desexámolos! :-)).