Ademais de vos contar as últimas novas do centro, non podemos evitar descubrirvos as nosas grandes xoias literarias. Porque as temos. E moitas.
Pode que vos pareza mentira, mais as bibliotecas falan e de viñerdes aquí cada día comprobariades como de cando en vez algún andel rabea por vos mostrar un libro máxico e vos berra "Ei! Aquí, Aquí! Colle este!!".
Nesta ocasión, e pode que sexa aínda polo influxo do 25 N, un libro bisboume e eu, que sempre estou atenta á chamada das palabras de papel, deixeime levar e botei man do cuarto estante da segunda columna (si, si, o que está ao lado da mesa do ordenador!). Vaia xoia! Velaquí a tedes!
É posibelmente o meu libro favorito (a da que escribe, que non sabemos quen é; será unha pantasma?), un libro que non pasa desapercibido, que conmove e indigna. Un libro que sabe a filosofía, a historia mais tamén a modernidade, a amor, a valentía e cuxa imaxe principal xa nos revela moito da maneira en que está escrito, como un patchwork, con anacos das vidas de tres mulleres poderosas e valentes que desafiaron o patriarcado (cada unha na súa época e cos seus medios).
Que terán en común unha estudante de doutoramento, a raíña Christina de Suecia e a parteira e meiga Hélène Jans? Un home (ou, mellor dito, un medio home), un home que moitas e moitos de vós estudades en 2º de Bacharelato. Quen será?
Se vos animades a o levar, agardo que vos guste! :-)
viernes, 21 de diciembre de 2018
sábado, 1 de diciembre de 2018
Semana Cultural "Muller e pensamento" e anuncio dunha sorpresiña final...
O
noso centro está que arde nas últimas semanas!
Se
no último post vos contabamos a visita do narrador Samuel Mountoumnjou, neste facemos un repaso pola
Semana Cultural celebrada do 5 ao 9 de novembro que levou por título Muller e pensamento.
Palestras, películas, actuacións musicais en vivo... Todo un
luxo ao servizo dunha causa máis que nobre, pois nesta ocasión quixemos render
unha homenaxe a todas as mulleres que non tiveron a oportunidade de entrar no
grande e por veces inxusto libro que é a Historia, un libro cheo de luces e
sombras no que, non sabemos aínda moi ben por que (ou talvez si...), á muller
sempre lle tocou estar relegada á escuridade.
Así, o LUNS proxectamos dúas grandes palestras sobre a
situación social da muller. Chimamanda Ngozi e Emma Watson
"viñeron" (transmutadas en imaxe de Youtube, iso si) ao noso
centro para dárennos a súa visión ao respecto e alumnado e profesorado
traballamos cunhas unidades didácticas especialmente deseñadas para a ocasión.
Debatemos, indignámonos, compartimos mais, sobre todo, construímos
pensamento, un pensamento plural e integrador.
Continuándomos con esta visibilización da muller o MARTES as
nosas alumnas e alumnos de 2º da ESO desfrutaron dunha gran película que contou
con tres nomeamentos aos Óscar, Figuras
ocultas. Absolutamente emocionante! Por iso, se non a vistes,
recomendámosvola.
Xa no XOVES, o cantautor Xoán Curiel e mais a
profesora de lingua galega, Iris Gey, ofreceron ao alumnado de 3º da ESO un concerto
didáctico ao redor do Pergamiño Vindel que sorprendeu polo seu enfoque
feminista (sabiades que existe unha tese que defende que as cantigas de amigo
foron en verdade creadas por mulleres e non por trobadores? Pois nós xa si! ;-)
). Alén das cantigas do Pergamiño, deleitáronnos con outras pezas, todas elas
ligadas a grandes figuras femininas: María Soliña, Rosalía de Castro... Unha
delicia!
Mais a sección musical non terminou aquí, nin moito menos,
que vos temos moita rapazada talentosa e así o VENRES os de 1º da ESO puideron
asistir a un concerto único no que demos voz ás meirandes autoras de todos os
tempos. Houbo piano, frauta, grandes voces solistas, grupos o noso marabilloso coro... E máis de algún
e algunha pensamos aquilo de "De Manuel Carrasco e Malú escoitaren isto quedabamos
sen alumnado fixo; todos a La Voz seguro!"
(pensando seriamente en crear un La Voz Salvador
de madariaga... Que opinades?).
Pero como non todo vai ser música nesta vida, tamén tivemos
ciencia, artes plásticas e enxeñaría urbanística e así puidemos ver unha exposición de mulleres na ciencia, unha reprodución
marabillosa do cadro d´As Meninas á entrada e advertir como no noso rueiro da
Coruña non ha apenas ningunha representación feminina. E como no Salvador de
Madariaga somos moi reivindicativos, puxémonos a traballar. En que? Ah! Teredes
de esperar unhas semaniñas, pero xa vos anunciamos que no noso centro haberá
avenidas, prazas... Que cousas! Están tolos estes “Madariaganos”!
Esperámosvos no próximo post e, xa sabedes, admitimos
comentarios (é máis, desexámolos! :-)).
Suscribirse a:
Entradas (Atom)