jueves, 19 de septiembre de 2019

Benvidas e benvidos ao novo curso!


Resultado de imagen de curso 2019 2020


Benvidas e benvidos ao curso 2019-2020. Xa comezaron as aulas e toca, mal que pese a moitas e moitos, sacudirse a area da praia das camisolas e pensar en mercar axendas e libros. Porén, lembrade que tendes unha biblioteca sempre disposta a vos axudar e que a partir do 30 de setembro estaremos abertos non só para facer empréstitos, senón para vos acoller, dar consellos etc.

Non esquezades tampouco a nosa fantástica dinámica do Libro fuxitivo que vos converte en detectives de libros, nin os Clubs de lectura. Preguntade aos vosos titores por eles e apuntádevos. Pasarémolo en grande!

E, como non, a biblioteca precisa de colaboradores espelidos que nos boten unha man nos recreos ordenando ou con outros mesteres. Polo voso labor, recibiredes un diploma homologado pola Xunta no que conste a vosa participación, poderedes gozar de privilexios dentro da biblioteca, como coller seis libros no canto de tres, e un prazo de 30 días de custodia do libro en vez de 15. Animádevos!

Vémonos polos corredores! :-)



martes, 25 de junio de 2019

Cancións enerxéticas



 O pasado mércores 19 de xuño tivo lugar no noso centro a entrega de premios do primeiro concurso “Cancións enerxéticas” no que participou todo o alumnado de 3º da ESO. Eles, guiados das profesoras Paula e Bea, tiñan que modificar a letra dunha canción coñecida introducindo nela os diferentes tipos de enerxías. Despois, no salón de actos foron proxectadas todas as cancións e tivo lugar a entrega de medallas dos ganadores. Deixámosvos alcunhas fotos e esperamos repetir o ano que vén!





martes, 18 de junio de 2019

Despedida do club de lectura de 2º de ESO




Pouco a pouco o fin de curso foise achegando e con el o noso último encontro do club de lectura de 2º da ESO que tivo lugar o pasado 18 de xunio. Nesta ocasión o alumnado tivo a posibilidade de escoller entre dúas obras: a banda deseñada Morte no Nilo de Agatha Christie, ou o libro ilustrado Los niños del humo de Alfonso Zapico e Aitana Castaño.
A idea inicial era facer unha saída breve ao Parque de Santa Margarita na Coruña como premio ao noso traballo durante o curso e, tamén, para poder realizar actividades que requiren dun pouco máis de tempo e espazo, mais a meteoroloxía dese día non nolo permitiu. Pese a iso, realizamos varias tarefas no centro. 
Por unha banda, comentamos ambos libros poñéndonos no papel dun detective que tivese que investigar un crime e dun mineiro e da súa forma de levar o seu traballo día a día. Unhas das actividades que máis nos gustaron foron as xincanas que fixemos por todo o centro superando diferentes probas relacionadas coas obras e que nos foron conducindo a un pequeno e doce premio final. Por último, fixemos unha valoración de como foi o club de lectura durante todo o ano, pensamos en como melloralo e falamos de novas posibilidades para o ano que vén. 

A resposta de todo o alumnado foi moi positiva así que vos convidamos a participar nos nosos encontros o próximo curso. Animádevos!!

lunes, 20 de mayo de 2019

Receitas masterchef no instituto

Os alumnos de 2º de ESO están feitos uns gastrónomos. Como actividade de aula na materia de Lingua Galega e Literatura elaboraron estes libros de receitas que nos amosan saborosos pratos. Podedes ver os receitarios nos seguintes enlaces:

https://issuu.com/leticiaquintas2/docs/libro_de_coci_a_2_a

https://issuu.com/leticiaquintas2/docs/libro_de_coci_a_2_b

https://issuu.com/leticiaquintas2/docs/libro_de_coci_a_2__d

jueves, 16 de mayo de 2019

Gañadoras do concurso de marcapáxinas



No segundo trimestre o EDLG, a Biblioteca e o Departamento de Lingua Galega e Literatura organizaron un concurso de marcapáxinas  para homenaxear a figura de Rosalía de Castro. Na foto superior aparecen as rapazas gañadoras do concurso e nas inferiores unha mostra dos marcapáxinas presentados que mostran a creatividade do noso alumnado.



  

viernes, 10 de mayo de 2019

Surfing USA... en Razo ;-)

Unha parte do noso alumnado puido desfrutar hai unhas semanas dun campamento moi especial en Razo, no que o mar foi o protagonista. Seica temos xa uns cantos e cantas vixiantes da praia e tamén expertos en domadores de ondas. De acordo, non volveron con mechas californeanas ;-) mais si con amplos coñecementos de surf e é que o noso departamento de Educación  Física se preocupa sempre porque coñezan e sobre todo experimenten diferentes actividades e facetas do deporte. Porque educación física non é só saltar o poldro, nin xogar ao bádminton ou dar cambadelas, como algún profesorado nos fixo ver a algúns hai xa moitos anos, senón coñecer como responde o noso corpo ante diversas actividades e ante o noso medio.
Seica quedaron encantados! (Non me estraña!)






domingo, 5 de mayo de 2019

Os Clubs de Lectura seguen imparables


O pasado 9 de abril  no noso centro tivo lugar unha nova reunión do Club de Lectura de 2º da ESO. Nesta ocasión, e tras unha comida conxunta, traballamos co libro A evolución de CalpurniaTate de Jaqueline Kelly. Como este ano somos moitos os que participamos nestes encontros, dividímonos para traballar en tres grupos onde alumnado e profesorado, tras ver o book trailer da obra, analizamos os principais aspectos que se recollen no libro: a importancia dos avós, o papel da muller na sociedade, as descricións minuciosas... Foi unha xuntanza moi agradable que esperamos repetir na terceira avaliación!!!

jueves, 2 de mayo de 2019

Gañadores do concurso de microrrelatos



Eis os gañadores do III Concurso de Microrrelatos organizado no instituto:
  • Mellor relato escrito en Lingua Castelá na categoría de 1º a 3º de ESO:
Al otro lado de las montañas (de Unitauro)
  • Mellor relato escrito en Lingua Galega na categoría de 1º a 3º de ESO:
Lecturas abertas (de Tartaruga)
  • Mellor relato escrito en Lingua Castelá na categoría de 4º de ESO e Bacharelato:
Perdida (de Towanda)

  • E o accésit ao relato:
La sombra de tu sonrisa (de J.C.Yancey)




viernes, 12 de abril de 2019

Musiqueando


Onte, xoves 11, decidimos compartir co barrio os dotes musicais do noso  alumnado e así as voces melodiosas da nosa rapazada adobiaron as rúas e tamén os corazóns dos transeúntes que decidiron ficar connosco un anaquiño. Coro, actuacións individuais e grupais... Houbo de todo e tamén moita variedade de instrumentos; de feito, vós non o escoitastes, mais ao meu carón estaba o piano, que de cando en vez se deixaba ir e liberaba un "ohh, que ghusto este soleciño!" (canda un fa moi ben percusionado, claro ;-) ). Creo que as súas teclas agradeceron deixar a súa casa habitual (o frío salón de actos) polo solarium improvisado da entrada.
Queremos agradecer enormemente a implicación de todo o alumnado e profesorado involucrado, moi especialmente ao Departamento de Música. Grazas a estas iniciativas damos a entender á cidade, ao mundo  enteiro que a música é arte e, por tanto, TAMÉN CULTURA, algo que neste centro temos moi moi ben aprendido.



Unha curiosidade: sabíades como se di "sostenido" en galego, a alteración musical? Uns segundos para pensar.... Non, non é "sostido", que vos oio... É... DÍESE!!! E a "almohadilla" do computador, en extensión, dise tamén así, ou.... (atención atención!)... cancelograde ou grella

Non vos deitaredes sen saber unha cousa máis ;-) 

Veña, até o próximo "Musiqueando". E felices vacacións :-)








viernes, 29 de marzo de 2019

"Cześć", Polonia!

As nosas alumnas e alumnos de 4º da ESO marchan mañá a Polonia de intercambio e desde a biblioteca querémoslles desexar unha boa viaxe e pedirlles tamén que se porten moi ben ;-)

 E agora... un pouco de polaco de supervivencia!




Ola e adeus
Cześć!

Si
tak

Non
nie

Grazas
dziękuję

Desculpe
Przepraszam

Onde está o baño? 
Gdzie jest łazienka


Canto á pronunciación... Aí a tanto xa non vos chegamos ;-)

Boa viaxe!


viernes, 22 de marzo de 2019

O noso proxecto universalízase


O noso proxecto traspasou as barreiras do noso instituto e así algunhas das alumnas e alumnos implicados, en representación de todo o alumnado, explicaron a El Ideal Gallego por que é necesaria a visibilización da muller no ámbito cultural e científico, por que Coruña precisa dun #RueiroEnFeminino. E non o puideron facer mellor, abofé!
Moi orgullosas e orgullosos de vós! <3 <3


PD: agora só resta que o Concello nos oia ;-)

https://www.elidealgallego.com/articulo/coruna/alumnos-salvador-madariaga-piden-rueiro-femenino/20190318195517400762.html

jueves, 7 de marzo de 2019

Concurso de sobremesas



Como ben sabedes hai un concurso de sobremesas para estes días de Entroido. Eis as bases do concurso. Animádevos a participar. Haberá substanciosos premios, e nunca mellor dito, para o alumnado que elabore os doces máis saborosos.

viernes, 1 de marzo de 2019

Quen foi o Master Chef de Entroido?

 Achéganse xa as festas de Entroido e o noso centro está invadido por Freddy Mercurys, cincentas e alumnas e alumnos que se esqueceron (misteriosamente e aínda non sabemos moi ben por que) de sacar o pixama e as lagañas. E na biblioteca, sobre todo, houbo moito espírito do Monstro das galletas, e é que hoxe celebramos un certame moi especial de doces de Entroido e tanto profesorado como alumnado puidemos degustar uns postres moi elaborados dignos de calquera "grande cuisine" francesa: filloas de chocolate (chiculatee!), torta de arandos, de chocolate con amorodos... Unhas auténticas delicias que ben mereceron o premio que levaron! :-)

Resultado de imagen de monstruo de las galletas

Parabéns aos gañadores e lembrade que na biblioteca e nas salas de profesores son moi benvidas as larpeiradas, que corrixir con glucosa en sangue sempre senta mellor e as notas até poden subir como o levedo ;-) Aí o deixamos... ;-)

E desde a biblioteca desexámosvos un moi feliz Entroido!

Carnaval Confetti GIF - Carnaval Confetti Party GIFs

Lalalaleando no I Encontro de Coros Escolares do IES Afonso X O Sabio

O pasado martes o noso benquerido coro asistiu a un encontro moi especial no que compartimos experiencias, risos, mais, sobre todo, moita música. O acto, organizado polo Afonso X O sabio, enmárcase dentro do proxecto Afonso a escena, co que se pretende favorecer a práctica de artes escénicas e mellorar a calidade de ensinanza a través dela.
Realmente emotivo foi o discurso inicial da vicedirectora e organizadora, Beatriz Alonso Pérez-Ávilae, que incidiu na importancia deste tipo de encontros non para ver quen canta mellor ou peor, non para competir ou agradar os outros a través da música, senón para nos agradar a nós mesmos, para descubrir a nosa propia voz, ese instrumento tan poderoso que nos pon en contacto co mundo. Voces agudas, graves, afinadas, desafinadas, certeiras ou cambiantes, todas son benvidas e todas son bonitas. Unha mensaxe que é necesaria, pois moito alumnado, especialmente rapaces, se sente frustrado ou avergoñado polo seu cambio de rexistro na adolescencia e por non se escoitar, manda a súa voz castigada ao cuarto escuro. Desde aquí animámosvos a que a rescatedes, lle poñades un micro e a compartades. É vosa. Está ben. É valiosa.


Nesta ocasión, o noso coro interpretou tres cancións marabillosas, dirixidas pola nosa profesora de música e bibliotecaria favorita, Irene Caeiro: Memoria da noite, de Luar na Lubre, Dreamers, da compositora pouco recoñecida Joyce Eilers Bacak que tentamos visibilizar no noso proxecto Copyright, na Semana Cultural dedicada ao tema Muller e pensamento, e Somewhere, un dos temas principais do musical West Side Story.


E se queredes ver como soamos, podedes vir un luns no segundo recreo ou os xoves no primeiro. Non mordemos (todo o máis, algúns, bocadillos de xamón ;-) ), só cantamos ;-). 



Vén e participa!

jueves, 14 de febrero de 2019

O noso coro vai de xira

O noso coro acudirá o 19 de febreiro ás 11:30 ao Encontro de Coros Escolares do IES Afonso X O Sabio que terá lugar no Aǵora. Rechouchíos é o nome deste encontro, que nos parece especialmente acaído, porque a verdade é que o que se escoita dos ensaios tras os portas do salón de actos soa de marabilla.

E xa o sabedes: se pensades que cantar fóra da ducha tamén está ben, se os vosos gatos ou cans non tapan os ouvidos cando cantades (nin os vosos veciños!)... se cadra é que deberiades explorar esa faceta "lalalá".

Nós estamos os luns no segundo recreo e o xoves no primeiro ensaiando e asegúrovos que as pezas escollidas e o ambiente pagan a pena.
Animádevos e vinde! E de aquí a ... La Voz! :-)

PARABÉNS, "DEBATEIROS".


A pasada semana, os alumnos e alumnas de 1º de Bacharelato do club de debate acadaron un logro máis que destacábel: na súa primeira participación, chegaron a semifinais no Torneo de Debate Académico de Galicia organizado pola Fundación Barrié, quedando a un só punto de entrar na final.


Foron uns momentos do máis emocionantes e coma nun combate de boxeo (iso si, dialéctico e pacífico, coa intelixencia coma mediadora), mantiveron o público expectante até o final. O primeiro round, coma lles ocorre aos grandes combatentes, estivo cheo de dificultades, mais foi no segundo cando noquearon por completo o rival e demostraron do que son capaces.

Os nosos máis sinceros parabéns aos dous equipos, cuxos integrantes mencionamos abaixo, á adestradora-súper profe Almudena García Castrillo e a Carlos Galego, formador.

Estamos moi orgullosos de vós! :-)

MADARIAGA 1
Manuel Barrio
Alba Iglesias
Iria Jiménez
Álvaro Pastor
Almudena García
MADARIAGA 2
María Dans
Nahir Parga
Daniela López
Jose López
Carlos Galego

viernes, 1 de febrero de 2019

Cando a Candeloria chora, medio inverno vai fóra

Mirando pola fiestra e vendo a que cae, non sei eu canto de verdade haberá neste dito, mais no noso centro xa cheira a primavera; se non, que llelo digan aos corredores de primeiro da ESO, nos que temos unha árbore do máis orixinal e colorida e milleiros de paxariños piadores feitos de papel que presaxian o que será o cambio de estación.

E é que é certo que se achega San Valentín, mais non nos esquezamos de que tamén temos outro modo de reinterpretar este tempo, un modo máis "de noso". Así, en moitos puntos da nosa xeografía galega coma Oseiro, Becerreá, Cervo ou Cedeira celébrase a Candeloria, unha festa nas súas orixes pagana que despois se cristianizaría e que está baseada nas Lupercales romanas (as festas do lume en honor á fertilidade). Nela acendemos candeas (de aí o seu nome) para afastar as desgrazas e protexer as colleitas; é unha festa da luz que tamén vos ten o seu aquel máis "romántico", xa que, como din o nosos refraneiros, "Na Candeloria, ningunha ave voa soa" ou "Pola Candeloira casan os paxariños e maila galiñola" ;-)

Velaquí os traballos sobre a Candeloria dos alumnos e alumnas de 1º da ESO da profesora Bea Moreno, do Departamento de Galego. 

















viernes, 18 de enero de 2019

Rueiro feminino no... "Masculino"?

Xa sabedes que terminamos o ano ao grande, presentando na nosa Semana Cultural (http://bibliotecasalvadordemadariaga.blogspot.com/2018/12/semana-cultural-muller-e-pensamento-e.html) celebrada en novembro, unha cantidade de proxectos interdisciplinares que tiveron como motivo único a visibilización da muller na ciencia, nas letras e, en definitiva, na historia.

Tivemos concertos que visibilizaron as obras de moitas compositoras esquecidas, mais tamén exposicións nos nosos corredores que os diferentes departamentos organizaron con moito agarimo. Así, é imposíbel pasear polo noso centro e non atoparmos nomes de mulleres (ao principio pode que descoñecidos) cos que pouco a pouco nos imos familiarizando; e niso precisamente consiste "visibilizar": en familiarizarse, en normalizar.  Alén disto, realizáronse exposicións de ciencia, un cadro das Meninas que non ten nada que envexar ao do mesmísimo Velázquez e os rapaces, desde varias materias (como historia) deseñaron presentacións únicas e moi documentadas que concentraremos nunha ligazón á que poderedes acceder en breves. Por último, contamos xa desde hai bastantes semanas cun rueiro da cidade na entrada que vén demostrar o pouco que deben de gustar os nomes de mulleres para empregar nas nosas fachadas; é por iso mesmo que decidimos facer un rueiro persoal no centro, porque pode que o instituto se "malchame" a nivel popular o "Masculino" por cuestións xa moi antediluvianas, mais o masculino, como dicimos no noso twitter (https://twitter.com/SalvadorIes/status/1083676071374061569), sen o feminino non existe; ou somos todos ou ningún.

Déixovos cunha mostra do noso magnífico rueiro, unha mostra pequena, pois son perto de vinte mulleres as que saen representadas (de momento) nos nosos corredores, e así é que nós podemos dicir aquilo de "pois mira, cruzas en Maruxa Villanueva e segues recto até Enriqueta Otero) ;-)

Que vos parece esta iniciativa? E non me diredes que non quedaron ben fermosas as nosas plaquiñas! Aquí temos que dar as grazas a http://maiscordixital.com/, que fixeron un traballo ben estupendo, coma sempre.

#RueiroIESSalvadorDeMadariaga

Vémonos nos comentarios ;-)


domingo, 13 de enero de 2019

Axuda! Un libro logra escapar dos andeis da nosa biblioteca e cobra vida!


Hai uns días un libro logrou escapar da Biblioteca do I.E.S. Salvador de Madariaga e acampou na mesa da entrada cobrando vida e deixando unha adiviña para todo o alumnado do centro.

De que libro se tratará? Vinde, vede e opinade. Eu creo que non vai volver ao sitio até que non o adiviñedes... E é doado... Eu non digo "na"...