jueves, 14 de febrero de 2019

O noso coro vai de xira

O noso coro acudirá o 19 de febreiro ás 11:30 ao Encontro de Coros Escolares do IES Afonso X O Sabio que terá lugar no Aǵora. Rechouchíos é o nome deste encontro, que nos parece especialmente acaído, porque a verdade é que o que se escoita dos ensaios tras os portas do salón de actos soa de marabilla.

E xa o sabedes: se pensades que cantar fóra da ducha tamén está ben, se os vosos gatos ou cans non tapan os ouvidos cando cantades (nin os vosos veciños!)... se cadra é que deberiades explorar esa faceta "lalalá".

Nós estamos os luns no segundo recreo e o xoves no primeiro ensaiando e asegúrovos que as pezas escollidas e o ambiente pagan a pena.
Animádevos e vinde! E de aquí a ... La Voz! :-)

PARABÉNS, "DEBATEIROS".


A pasada semana, os alumnos e alumnas de 1º de Bacharelato do club de debate acadaron un logro máis que destacábel: na súa primeira participación, chegaron a semifinais no Torneo de Debate Académico de Galicia organizado pola Fundación Barrié, quedando a un só punto de entrar na final.


Foron uns momentos do máis emocionantes e coma nun combate de boxeo (iso si, dialéctico e pacífico, coa intelixencia coma mediadora), mantiveron o público expectante até o final. O primeiro round, coma lles ocorre aos grandes combatentes, estivo cheo de dificultades, mais foi no segundo cando noquearon por completo o rival e demostraron do que son capaces.

Os nosos máis sinceros parabéns aos dous equipos, cuxos integrantes mencionamos abaixo, á adestradora-súper profe Almudena García Castrillo e a Carlos Galego, formador.

Estamos moi orgullosos de vós! :-)

MADARIAGA 1
Manuel Barrio
Alba Iglesias
Iria Jiménez
Álvaro Pastor
Almudena García
MADARIAGA 2
María Dans
Nahir Parga
Daniela López
Jose López
Carlos Galego

viernes, 1 de febrero de 2019

Cando a Candeloria chora, medio inverno vai fóra

Mirando pola fiestra e vendo a que cae, non sei eu canto de verdade haberá neste dito, mais no noso centro xa cheira a primavera; se non, que llelo digan aos corredores de primeiro da ESO, nos que temos unha árbore do máis orixinal e colorida e milleiros de paxariños piadores feitos de papel que presaxian o que será o cambio de estación.

E é que é certo que se achega San Valentín, mais non nos esquezamos de que tamén temos outro modo de reinterpretar este tempo, un modo máis "de noso". Así, en moitos puntos da nosa xeografía galega coma Oseiro, Becerreá, Cervo ou Cedeira celébrase a Candeloria, unha festa nas súas orixes pagana que despois se cristianizaría e que está baseada nas Lupercales romanas (as festas do lume en honor á fertilidade). Nela acendemos candeas (de aí o seu nome) para afastar as desgrazas e protexer as colleitas; é unha festa da luz que tamén vos ten o seu aquel máis "romántico", xa que, como din o nosos refraneiros, "Na Candeloria, ningunha ave voa soa" ou "Pola Candeloira casan os paxariños e maila galiñola" ;-)

Velaquí os traballos sobre a Candeloria dos alumnos e alumnas de 1º da ESO da profesora Bea Moreno, do Departamento de Galego.