sábado, 1 de diciembre de 2018

Semana Cultural "Muller e pensamento" e anuncio dunha sorpresiña final...

O noso centro está que arde nas últimas semanas!
 Se no último post vos contabamos a visita do narrador Samuel Mountoumnjou, neste facemos un repaso pola Semana Cultural celebrada do 5 ao 9 de novembro que levou por título Muller e pensamento
Palestras, películas, actuacións musicais en vivo... Todo un luxo ao servizo dunha causa máis que nobre, pois nesta ocasión quixemos render unha homenaxe a todas as mulleres que non tiveron a oportunidade de entrar no grande e por veces inxusto libro que é a Historia, un libro cheo de luces e sombras no que, non sabemos aínda moi ben por que (ou talvez si...), á muller sempre lle tocou estar relegada á escuridade.
Así, o LUNS proxectamos dúas grandes palestras sobre a situación social da muller. Chimamanda Ngozi e Emma Watson "viñeron" (transmutadas en imaxe de Youtube, iso si) ao noso centro para dárennos a súa visión ao respecto e alumnado e profesorado traballamos cunhas unidades didácticas especialmente deseñadas para a ocasión. Debatemos, indignámonos, compartimos mais, sobre todo, construímos pensamento, un pensamento plural e integrador.
Continuándomos con esta visibilización da muller o MARTES as nosas alumnas e alumnos de 2º da ESO desfrutaron dunha gran película que contou con tres nomeamentos aos Óscar, Figuras ocultas. Absolutamente emocionante! Por iso, se non a vistes, recomendámosvola. 
Xa no XOVES, o cantautor Xoán Curiel e mais a profesora de lingua galega, Iris Gey, ofreceron ao alumnado de 3º da ESO un concerto didáctico ao redor do Pergamiño Vindel que sorprendeu polo seu enfoque feminista (sabiades que existe unha tese que defende que as cantigas de amigo foron en verdade creadas por mulleres e non por trobadores? Pois nós xa si! ;-) ). Alén das cantigas do Pergamiño, deleitáronnos con outras pezas, todas elas ligadas a grandes figuras femininas: María Soliña, Rosalía de Castro... Unha delicia! 
Mais a sección musical non terminou aquí, nin moito menos, que vos temos moita rapazada talentosa e así o VENRES os de 1º da ESO puideron asistir a un concerto único no que demos voz ás meirandes autoras de todos os tempos. Houbo piano, frauta, grandes voces solistas, grupos o noso marabilloso coro... E máis de algún e algunha pensamos aquilo de "De Manuel Carrasco e Malú escoitaren isto quedabamos sen alumnado fixo; todos a La Voz seguro!" (pensando seriamente en crear un La Voz Salvador de madariaga... Que opinades?).
Pero como non todo vai ser música nesta vida, tamén tivemos ciencia, artes plásticas e enxeñaría urbanística e así puidemos ver unha exposición de mulleres na ciencia, unha reprodución marabillosa do cadro d´As Meninas á entrada e advertir como no noso rueiro da Coruña non ha apenas ningunha representación feminina. E como no Salvador de Madariaga somos moi reivindicativos, puxémonos a traballar. En que? Ah! Teredes de esperar unhas semaniñas, pero xa vos anunciamos que no noso centro haberá avenidas, prazas... Que cousas! Están tolos estes “Madariaganos”!

Esperámosvos no próximo post e, xa sabedes, admitimos comentarios (é máis, desexámolos! :-)).







No hay comentarios:

Publicar un comentario