miércoles, 14 de enero de 2015

Quico Cadaval no Madariaga




Quico Cadaval, no Madariaga No día 14 de xaneiro, o Instituto tivo a fortuna de recibir a visitado director teatral, autor e, case, polígrafo Quico Cadaval. Estivo connosco toda a mañá. Primeiro sostivo unha conversa co alumnado deArtes escénicas e Cultura audiovisual sobre a súa montaxe da obra de W. Shakespeare "Noite de reis", que os estudantes teñen que comentar nas PAU. Tornouse así posíbel profundar nas interioridades da dirección teatral e, en particular, do proceso de escenificación da obra de W. Shakespeare. Alén de nos facer unha breve síntese das características do teatro na Inglaterra isabelina, o Quico respondeu múltiples preguntas sobre a súa aproximación ao texto, a forma en que resolveu o deseño do espazo escénico, o uso das cores, a escolla e preparación do elenco, o movemento escénico ou a música que acompañaba ao vivo a Representación. A seguir, Cadaval deleitou varios grupos de Bacharelato cunha das súas fascinantes sesións de narración oral. Nesta ocasión, o punto de partida foi unha pregunta da súa nai, en canto preparaba unha carne ao forno: "Quico, o que é o complexo de Edipo?" Apañado na difícil empresa de lle responder, o Quico fíxonos unha divertidísima recreación da historia que Sófocles inmortalizou en "Edipo Rei", puntuada polos agudos comentarios da súa nai, porque, como xa antes nos dixera, o que lle vai ao Quico é tratar asuntos graves en forma de comedia.

No hay comentarios:

Publicar un comentario