lunes, 21 de octubre de 2013

MORNING STAR por Xosé Miranda




Con “Morning Star”, Xosé Miranda adéntrase de forma maxistral no terreo da novela de aventuras. Trátase dunha historia de bandoleiros situada na Galiza de mediados do S. XIX. Non falta ningún dos ingredientes propios da novela de aventuras, na esteira de mestres como Robert Louis Stevenson ou John M. Falkner: hai un tesouro escondido e dúas gavelas enfrontadas; hai asaltos, secuestros e accións violentas dunha crueldade perfectamente retratada; hai amores que non poden ser e odios que perduran anos, vinganzas, lealdades e traizóns; hai misterios que só coñecemos ao final da historia, sorpresas que o lector non imaxina, intrigas, reviravoltas, asaltos e mortes. 
Ilustracion de HowardPyles

O autor, que recoñece ter estudado con atención o fenómeno do bandoleirismo galego, achega unha nova visión dunha parte (moi descoñecida) da realidade galega do S. XIX. Estruturada en oito partes, narra a adolescencia de Lourenzo Tasende, un mozo fillo de bandoleiro obrigado a seguir a profesión paterna, entre gavelas e ladróns, asasinos ou estafadores. Lourenzo terá que loitar non só por conservar a súa vida senón tamén por non perder o amor de Helena, nacido en circunstancias difíciles, que será a súa salvación e que ten bastante que ver co título da novela. Para construír a novela, Miranda compón unha sólida galería de personaxes memorábeis, a comezar polo do protagonista, Lourenzo, e contando co do sanguinario Lázaro Rivadulla e a súa man deformada, ou o inquietante Tomás das Congostras. Xunto a eles, o cego cantor de coplas que trae ao relato acentos da novela picaresca, o portugués que posúe tres paxaros amestrados, a fráxil Helena e a figura fugaz e benéfica de Mai Ánxela. Figuras como Campanachoca, Lázaro Rivadulla, Tomás das Congostras, o Demo Vivo, o Pelos de Burra ou o Xudas foron personaxes reais, ademais do proprio Lourenzo Tasende pai e o pirata Benito Soto, co seu famoso tesouro.






  







 “Morning Star” foi premio Xerais de novela. 





No hay comentarios:

Publicar un comentario