lunes, 29 de abril de 2019
viernes, 12 de abril de 2019
Musiqueando

Onte, xoves 11, decidimos compartir co barrio os dotes musicais do noso alumnado e así as voces melodiosas da nosa rapazada adobiaron as rúas e tamén os corazóns dos transeúntes que decidiron ficar connosco un anaquiño. Coro, actuacións individuais e grupais... Houbo de todo e tamén moita variedade de instrumentos; de feito, vós non o escoitastes, mais ao meu carón estaba o piano, que de cando en vez se deixaba ir e liberaba un "ohh, que ghusto este soleciño!" (canda un fa moi ben percusionado, claro ;-) ). Creo que as súas teclas agradeceron deixar a súa casa habitual (o frío salón de actos) polo solarium improvisado da entrada.
Queremos agradecer enormemente a implicación de todo o alumnado e profesorado involucrado, moi especialmente ao Departamento de Música. Grazas a estas iniciativas damos a entender á cidade, ao mundo enteiro que a música é arte e, por tanto, TAMÉN CULTURA, algo que neste centro temos moi moi ben aprendido.

Unha curiosidade: sabíades como se di "sostenido" en galego, a alteración musical? Uns segundos para pensar.... Non, non é "sostido", que vos oio... É... DÍESE!!! E a "almohadilla" do computador, en extensión, dise tamén así, ou.... (atención atención!)... cancelo, grade ou grella.
Non vos deitaredes sen saber unha cousa máis ;-)
Veña, até o próximo "Musiqueando". E felices vacacións :-)
viernes, 29 de marzo de 2019
"Cześć", Polonia!
As nosas alumnas e alumnos de 4º da ESO marchan mañá a Polonia de intercambio e desde a biblioteca querémoslles desexar unha boa viaxe e pedirlles tamén que se porten moi ben ;-)
E agora... un pouco de polaco de supervivencia!
Ola e adeus
Cześć!
Si
tak
Non
nie
Grazas
dziękuję
Desculpe
Przepraszam
Onde está o baño?
Gdzie jest łazienka
Canto á pronunciación... Aí a tanto xa non vos chegamos ;-)
Boa viaxe!
viernes, 22 de marzo de 2019
O noso proxecto universalízase
O noso proxecto traspasou as barreiras do noso instituto e así algunhas das alumnas e alumnos implicados, en representación de todo o alumnado, explicaron a El Ideal Gallego por que é necesaria a visibilización da muller no ámbito cultural e científico, por que Coruña precisa dun #RueiroEnFeminino. E non o puideron facer mellor, abofé!
Moi orgullosas e orgullosos de vós! <3 <3
PD: agora só resta que o Concello nos oia ;-)
https://www.elidealgallego.com/articulo/coruna/alumnos-salvador-madariaga-piden-rueiro-femenino/20190318195517400762.html
jueves, 7 de marzo de 2019
Concurso de sobremesas
Como ben sabedes hai un concurso de sobremesas para estes días de Entroido. Eis as bases do concurso. Animádevos a participar. Haberá substanciosos premios, e nunca mellor dito, para o alumnado que elabore os doces máis saborosos.
viernes, 1 de marzo de 2019
Quen foi o Master Chef de Entroido?
Achéganse xa as festas de Entroido e o noso centro está invadido por Freddy Mercurys, cincentas e alumnas e alumnos que se esqueceron (misteriosamente e aínda non sabemos moi ben por que) de sacar o pixama e as lagañas. E na biblioteca, sobre todo, houbo moito espírito do Monstro das galletas, e é que hoxe celebramos un certame moi especial de doces de Entroido e tanto profesorado como alumnado puidemos degustar uns postres moi elaborados dignos de calquera "grande cuisine" francesa: filloas de chocolate (chiculatee!), torta de arandos, de chocolate con amorodos... Unhas auténticas delicias que ben mereceron o premio que levaron! :-)
Parabéns aos gañadores e lembrade que na biblioteca e nas salas de profesores son moi benvidas as larpeiradas, que corrixir con glucosa en sangue sempre senta mellor e as notas até poden subir como o levedo ;-) Aí o deixamos... ;-)
E desde a biblioteca desexámosvos un moi feliz Entroido!

Lalalaleando no I Encontro de Coros Escolares do IES Afonso X O Sabio
O pasado martes o noso benquerido coro asistiu a un encontro moi especial no que compartimos experiencias, risos, mais, sobre todo, moita música. O acto, organizado polo Afonso X O sabio, enmárcase dentro do proxecto Afonso a escena, co que se pretende favorecer a práctica de artes escénicas e mellorar a calidade de ensinanza a través dela.
Realmente emotivo foi o discurso inicial da vicedirectora e organizadora, Beatriz Alonso Pérez-Ávilae, que incidiu na importancia deste tipo de encontros non para ver quen canta mellor ou peor, non para competir ou agradar os outros a través da música, senón para nos agradar a nós mesmos, para descubrir a nosa propia voz, ese instrumento tan poderoso que nos pon en contacto co mundo. Voces agudas, graves, afinadas, desafinadas, certeiras ou cambiantes, todas son benvidas e todas son bonitas. Unha mensaxe que é necesaria, pois moito alumnado, especialmente rapaces, se sente frustrado ou avergoñado polo seu cambio de rexistro na adolescencia e por non se escoitar, manda a súa voz castigada ao cuarto escuro. Desde aquí animámosvos a que a rescatedes, lle poñades un micro e a compartades. É vosa. Está ben. É valiosa.
Nesta ocasión, o noso coro interpretou tres cancións marabillosas, dirixidas pola nosa profesora de música e bibliotecaria favorita, Irene Caeiro: Memoria da noite, de Luar na Lubre, Dreamers, da compositora pouco recoñecida Joyce Eilers Bacak que tentamos visibilizar no noso proxecto Copyright, na Semana Cultural dedicada ao tema Muller e pensamento, e Somewhere, un dos temas principais do musical West Side Story.
E se queredes ver como soamos, podedes vir un luns no segundo recreo ou os xoves no primeiro. Non mordemos (todo o máis, algúns, bocadillos de xamón ;-) ), só cantamos ;-).
Vén e participa!
Suscribirse a:
Entradas (Atom)











