viernes, 21 de diciembre de 2018

Unha recomendación literaria para Nadal!

Ademais de vos contar as últimas novas do centro, non podemos evitar descubrirvos as nosas grandes xoias literarias. Porque as temos. E moitas.
Pode que vos pareza mentira, mais as bibliotecas falan e de viñerdes aquí cada día comprobariades como de cando en vez algún andel rabea por vos mostrar un libro máxico e vos berra "Ei! Aquí, Aquí! Colle este!!".
Nesta ocasión, e pode que sexa aínda polo influxo do 25 N, un libro bisboume e eu, que sempre estou atenta á chamada das palabras de papel, deixeime levar e botei man do cuarto estante da segunda columna (si, si, o que está ao lado da mesa do ordenador!). Vaia xoia! Velaquí a tedes!


É posibelmente o meu libro favorito (a da que escribe, que non sabemos quen é; será unha pantasma?), un libro que non pasa desapercibido, que conmove e indigna. Un libro que sabe a filosofía, a historia mais tamén a modernidade, a amor, a valentía e cuxa imaxe principal xa nos revela moito da maneira en que está escrito, como un patchwork, con anacos das vidas de tres mulleres poderosas e valentes que desafiaron o patriarcado (cada unha na súa época e cos seus medios).

Que terán en común unha estudante de doutoramento, a raíña Christina de Suecia e a parteira e meiga Hélène Jans? Un home (ou, mellor dito, un medio home), un home que moitas e moitos de vós estudades en 2º de Bacharelato. Quen será?
Se vos animades a o levar, agardo que vos guste! :-)










sábado, 1 de diciembre de 2018

Semana Cultural "Muller e pensamento" e anuncio dunha sorpresiña final...

O noso centro está que arde nas últimas semanas!
 Se no último post vos contabamos a visita do narrador Samuel Mountoumnjou, neste facemos un repaso pola Semana Cultural celebrada do 5 ao 9 de novembro que levou por título Muller e pensamento
Palestras, películas, actuacións musicais en vivo... Todo un luxo ao servizo dunha causa máis que nobre, pois nesta ocasión quixemos render unha homenaxe a todas as mulleres que non tiveron a oportunidade de entrar no grande e por veces inxusto libro que é a Historia, un libro cheo de luces e sombras no que, non sabemos aínda moi ben por que (ou talvez si...), á muller sempre lle tocou estar relegada á escuridade.
Así, o LUNS proxectamos dúas grandes palestras sobre a situación social da muller. Chimamanda Ngozi e Emma Watson "viñeron" (transmutadas en imaxe de Youtube, iso si) ao noso centro para dárennos a súa visión ao respecto e alumnado e profesorado traballamos cunhas unidades didácticas especialmente deseñadas para a ocasión. Debatemos, indignámonos, compartimos mais, sobre todo, construímos pensamento, un pensamento plural e integrador.
Continuándomos con esta visibilización da muller o MARTES as nosas alumnas e alumnos de 2º da ESO desfrutaron dunha gran película que contou con tres nomeamentos aos Óscar, Figuras ocultas. Absolutamente emocionante! Por iso, se non a vistes, recomendámosvola. 
Xa no XOVES, o cantautor Xoán Curiel e mais a profesora de lingua galega, Iris Gey, ofreceron ao alumnado de 3º da ESO un concerto didáctico ao redor do Pergamiño Vindel que sorprendeu polo seu enfoque feminista (sabiades que existe unha tese que defende que as cantigas de amigo foron en verdade creadas por mulleres e non por trobadores? Pois nós xa si! ;-) ). Alén das cantigas do Pergamiño, deleitáronnos con outras pezas, todas elas ligadas a grandes figuras femininas: María Soliña, Rosalía de Castro... Unha delicia! 
Mais a sección musical non terminou aquí, nin moito menos, que vos temos moita rapazada talentosa e así o VENRES os de 1º da ESO puideron asistir a un concerto único no que demos voz ás meirandes autoras de todos os tempos. Houbo piano, frauta, grandes voces solistas, grupos o noso marabilloso coro... E máis de algún e algunha pensamos aquilo de "De Manuel Carrasco e Malú escoitaren isto quedabamos sen alumnado fixo; todos a La Voz seguro!" (pensando seriamente en crear un La Voz Salvador de madariaga... Que opinades?).
Pero como non todo vai ser música nesta vida, tamén tivemos ciencia, artes plásticas e enxeñaría urbanística e así puidemos ver unha exposición de mulleres na ciencia, unha reprodución marabillosa do cadro d´As Meninas á entrada e advertir como no noso rueiro da Coruña non ha apenas ningunha representación feminina. E como no Salvador de Madariaga somos moi reivindicativos, puxémonos a traballar. En que? Ah! Teredes de esperar unhas semaniñas, pero xa vos anunciamos que no noso centro haberá avenidas, prazas... Que cousas! Están tolos estes “Madariaganos”!

Esperámosvos no próximo post e, xa sabedes, admitimos comentarios (é máis, desexámolos! :-)).







sábado, 24 de noviembre de 2018

EXTRA EXTRA! HABEMUS TWITTER!

Pois iso, que habemus Twitter! :-)

https://twitter.com/SalvadorIes

Aquí poremos as ligazóns ao blog, mais tamén compartiremos novas que achemos importantes e que vos poidan interesar en cuestión de ciencia, literatura, lingua, tecnoloxía, filosofía, música, palestras...

E quen sabe! Se cadra tamén nos instagrameamos! Que credes? Deberiamos? De quixerdes, opinade por aquí; aínda non o temos claro e a Biblioteca somos todas e todos. A vosa opinión tamén conta! :-)


HAHULA HULA!

No Salvador de Madariaga estamos a vivir uns días moi intensos, repletos de actuacións e visitas que ben merecerían aparecer na primeira plana de todos os xornais, mais, como as primicias "primiciosas" sempre volas contamos primeiro por aquí, o New York Times terá que esperar para dar boa conta delas :-).
Xa sabemos que hai un par de semanas foi a Semana Cultural (da que falaremos nun post especial, porque ben o merece), mais nesta ocasión queriámosvos traer aquí a visita de Samuel Mountoumnjou, un narrador oral, profesor de idiomas e mediador intercultural que nos deleitou coa maxia camerunesa a través de contos tradicionais nos que os protagonistas principais, os animais (non volo perdades!), falaban francés. Así, tivemos un porcoespiño cunhas pugas moi especiais a modo de lapis que dialogaba en perfecto francés de París (pronunciado así, "Paggíiiii") cun elefante que non se quedaba atrás niso de decir "merci beaucoup" (algo así como "meeggggssí bocúuu"). Aquí na foto podedes velos! Non me diredes que non vos encantan!

 Alumnado e profesorado quedamos encantados co bo facer de Samuel, que soubo empatizar moi ben non só cos nenos e nenas que tiveron a oportunidade de o escoitar, senón tamén cos profes e profas, que quedamos encantados, á espera de que nos volva visitar con mil historias máis cheas de valores humanos como a ética, a solidariedade e o respecto. Ah! E de que nos anime a ruxir ben forte coma leóns iso de HAHULA HULA!, que ben a significar algo así como "CÓNTANOS UN CONTO!".
O noso agradecemento á profesora Mari Luz López Pallares, profesora de francés, que con moita ilusión foi a promotora de toda esta maxia. Un aplauso para ela!

E agora si, todos xuntos: HAHULA HULAAA! :-)

Boa fin de semana e non vos esquezades de vivir novas experiencias para ter moitos contos que contar! ;-)

lunes, 12 de noviembre de 2018

Novo curso, novos folgos

Casi dous meses pasaron xa desde que voltamos ás aulas, e na Biblioteca estamos en plena actividade.

Xa están a funcionar os clubes de lectura, con máis xente que nunca. Vese que o gusto pola lectura é contaxioso.

O Fuxitivo xa foi atopado. Custou un pouquiño máis que outras veces, pero a montaxe foi fantástica. Adiviñades que libro era?



O fío condutor das nosas actividades segue a ser "Mulleres e Pensamento". Decidiramos o curso pasado escoller o tema por ano natural, non ano escolar, así que ata xaneiro seguiremos a traballar nel.

martes, 26 de junio de 2018

Actuación do Coro do Instituto no CEIP Emilia Pardo Bazán

Onte os alumnos do coro foron visitar o CEIP Emilia Pardo Bazán, resultou unha experiencia moi emocionante, xa que moitos deles estudaron nese Centro. A Actividade converteuse nun espazo de convivencia, onde o noso Coro Actuou para os alumnos de 5º de Primaria e para un grupo de Infantil de tres anos, ao que seguiu un pequeno coloquio entre o alumnado de ambos centros, e para rematar escoitamos a actuación dos nenos e nenas de tres anos, e a canción e o baile dos alumnos de quinto de Primaria. Unha Experiencia estupenda que deixounos a todos ganas de repetir.


miércoles, 20 de junio de 2018

Club de Lectura de 1º da E.S.O.

Despedimos o curso cunha festa na biblioteca e pechamos vendo o vídeo da última actividade do club de lecutra de 1º da E.S.O.

jueves, 17 de mayo de 2018

Entrega de premios


O día 16 de maio a biblioteca acolleu o acto de entrega dos premios do II Concurso de Microrrelatos organizado polos Departamentos de Lingua e Literatura (Castelá e Galega). As alumnas merecedoras desta distinción recibiron diplomas e agasallos da man de profesores e profesoras e os parabéns de todos os presentes. Que estas imaxes vos animen a participar o vindeiro curso. 



Eis os relatos gañadores:










lunes, 14 de mayo de 2018

Club de Lectura 1º: Convivir e Pensar


A semana pasada foi moi intensa para o noso club de Lectura de 1º, na súa convivencia do martes tivemos invitadas a dúas responsables da obra Mar de Hilos. Encantadas de volver ao seu antigo centro achegaronnos á obra que representaban no Teatro Colón. O venres en horario de estrea devolvímoslles a visita e asistimos a súa representación.






viernes, 11 de mayo de 2018

Tecendo vidas libres de violencia


  Propóñovos unha viaxe imaxinaria  a un país pouco coñecido, pero apaixonante, trátase de Perú...Interred que traballa por unha educación inclusiva, gratuita e de calidade, e ten como prioridade o traballo con mulleres, isto é o  que realiza en Puno, cidade situada na beira do lago Titicaca, lago navegable e  o máis alto do mundo...O Movemento Manuela Ramos desenvolve varias intervencións en Perú dirixidas a fomentar o dereito das mulleres a unha vida libre de violencia de xénero e a súa erradicación pasa necesariamente por modificar ditas relacións  apoiando procesos de empoderamento, individuais e colectivos das mulleres.

 Pero volvamos á cidade de Puno e o lago Titicaca, impresionantes as illas artificiais dos Uros,  construídas a base de totora, un xunco que medra baixo estas augas. Habitada por aimaras, é considerada unha das civilizacións máis antigas , por  xurdir moito antes que os incas. Os seus habitantes viven  nunha especie de cidadela feita a base de totora e conta con 40 illas , con casas, igrexas e colexios.

Visitar a exposición é coñecer a loita de moitas mulleres por atopar un futuro digno e libre de todo tipo de violencia.


Visitar a exposición é darlle valor a outras culturas  que descoñecemos, pero que nos achegan outro xeito de ver a vida e o mundo.


martes, 1 de mayo de 2018

Actuación do Coro do Instituto no VII Encontro de Asomúsica

O venres 26 de abril o Coro do Instituto viaxou a Vigo para participar no VII Encontro de Música organizado por Asomúsica e sumarnos asimesmo ao #musiqueando 2018.

As actuacións foron no Auditorio do Mar e a actividade foi inaugurada polo alcalde de Vigo Abel Caballero.  Deixamos foto dos membros do coro e dous vídeos da súa actuación que malia súa mala calidade amósanos o ben que o fixeron.











domingo, 29 de abril de 2018

Os murais lectores

Camiñar polos corredores do Madariaga este curso mergúllanos nun percorrido lector e creativo.






A nosa compañeira Beatriz, dinamizadora da lingua galega, traballou a eito co seu alumnado e fixo un montón de carteis que decoran o instituto.









Nas escaleiras, na biblioteca, nos corredores das aulas. Por todas partes lémbransenos as vantaxes de ler, as posibilidades dun bo libro, o pracer da lectura, ....





viernes, 27 de abril de 2018

En Marcha cos Clubs de Lectura de 1º e 2º

Deixamos aquí este vídeo da última xuntaza do club de lectura de 1º e 2º da E.S.O. Queda claro que o pasaron ben.


miércoles, 25 de abril de 2018

Encontro coa escritora María Solar


O martes 24 no centro Ágora baixo o título "Literatura e Ciencia"  tivo lugar un encontro entre alumnado de varios centros de A Coruña coa escritora María Solar. Nós acudimos con alumnos e alumnas de 3º de ESO para participar nesta interesante charla na que tamén participaban dúas científicas membros do CSIC. 
Nela, a partir da lectura do libro Os nenos da varíola as ponentes fixeron un percorrido que foi interrelacionando diversos aspectos da novela coa informanción científica que estaba como telón de fondo da mesma. O alumnado gozou moito con esta actividade e puido ao final facerlle preguntas e conversar coa autora.

sábado, 21 de abril de 2018

Recital de poesía



O venres 20 de abril alumnos e alumnas de 3º e 4º de ESO participaron nun recital de poesía con motivo dunha serie de actividades realizadas na semana do Día do Libro. Poetas clásicos e contemporáneos das literaturas castelá e galega resoaron nos labios dos rapaces, que se achegaron deste xeito ás realidades, linguas e suxestións que latexaban nos seus versos.

jueves, 5 de abril de 2018

martes, 3 de abril de 2018

Estrelas para Rosalía




Qué é? É que est´n a facer a colada no instituto? Pois case que sí, pero unha colada moi especial feita polo alumnado de 1º de ESO dirixido por Beatriz, a dinamizadora lingüística. A que así non importa tanto facer as tarefas domésticas?


lunes, 19 de marzo de 2018

Mulleres e Pensamento

Parece que por fin a sociedade decidiuse a considerar que as mulleres merecen máis atención que a celebración dun "Día da Muller Traballadora". Sí, as mulleres levamos a traballar dende sempre, pero a Historia foi sempre escrita por homes, e a mitade da población mundial quedou sempre agochada detrás deles. Porque o noso traballo vai moito máis aló do ámbito doméstico onde sempre quixeron limitarnos. E os seu logros en todas as ramas do pensamento teñen moito máis mérito polos atrancos que atopamos.

A nosa aportación na Biblioteca do IES Salvador de Madariaga, neste ano de concienzación e reivindicación do papel das mulleres no desenvolvemento das civilizaciones, vai centrada no tema elixido para iste ano 2018 :

Mulleres e Pensamento 

Sofía Casanova
Resultado de imagen de Carmen Blanco
Carmen Blanco
Imos centrar noso traballo na divulgación de tódalas mulleres esquecidas, ausentes dos libros de texto, descoñecidas polo noso alumnado. Dende as que temos mís perto de nós como Sofía Casanova ou Emilia Pardo Bazán, coñecidas de todos/as, ou Ánxeles Alvariño de Leira, primeira muller almirante, e Carmen Blanco, poeta, ensaista e feminista.







A seguinte presentación foi feita Pola mestra Reme Budiño, a quen lle queremos agradecer que nola deixara compartir do seu Slideshare.



martes, 6 de marzo de 2018

Un premio para Alba

A alumna de 1º de bacharelato A, Alba Uxía Arca Nieto, foi merecedora dun accésit no XIII Concurso literario Rita Suárez Amado convocado no IES Eusebio da Guarda pola súa obra "Polos seus luceiros". 

Os nosos parabéns, Alba





lunes, 19 de febrero de 2018

Gañadores do "Fuxitivo"

 Seguro que moitos xa sabíades a solución desta adiviña, non si?
Pois polo menos catro alumnos de 1º ESO B, dous de 2º ESO A , outros tres de 2º ESO B e dúas máis de 3º ESO B foron quen de adiviñalo. E deses 12, 3 foron rapaces e o resto rapazas. Queres saber seus nomes? Pásate pola Biblio e o verás.

Por certo, os libros en cuestión eran os seguintes:




Anímate a leelos, están todos na Biblioteca