viernes, 21 de diciembre de 2018

Unha recomendación literaria para Nadal!

Ademais de vos contar as últimas novas do centro, non podemos evitar descubrirvos as nosas grandes xoias literarias. Porque as temos. E moitas.
Pode que vos pareza mentira, mais as bibliotecas falan e de viñerdes aquí cada día comprobariades como de cando en vez algún andel rabea por vos mostrar un libro máxico e vos berra "Ei! Aquí, Aquí! Colle este!!".
Nesta ocasión, e pode que sexa aínda polo influxo do 25 N, un libro bisboume e eu, que sempre estou atenta á chamada das palabras de papel, deixeime levar e botei man do cuarto estante da segunda columna (si, si, o que está ao lado da mesa do ordenador!). Vaia xoia! Velaquí a tedes!


É posibelmente o meu libro favorito (a da que escribe, que non sabemos quen é; será unha pantasma?), un libro que non pasa desapercibido, que conmove e indigna. Un libro que sabe a filosofía, a historia mais tamén a modernidade, a amor, a valentía e cuxa imaxe principal xa nos revela moito da maneira en que está escrito, como un patchwork, con anacos das vidas de tres mulleres poderosas e valentes que desafiaron o patriarcado (cada unha na súa época e cos seus medios).

Que terán en común unha estudante de doutoramento, a raíña Christina de Suecia e a parteira e meiga Hélène Jans? Un home (ou, mellor dito, un medio home), un home que moitas e moitos de vós estudades en 2º de Bacharelato. Quen será?
Se vos animades a o levar, agardo que vos guste! :-)










sábado, 1 de diciembre de 2018

Semana Cultural "Muller e pensamento" e anuncio dunha sorpresiña final...

O noso centro está que arde nas últimas semanas!
 Se no último post vos contabamos a visita do narrador Samuel Mountoumnjou, neste facemos un repaso pola Semana Cultural celebrada do 5 ao 9 de novembro que levou por título Muller e pensamento
Palestras, películas, actuacións musicais en vivo... Todo un luxo ao servizo dunha causa máis que nobre, pois nesta ocasión quixemos render unha homenaxe a todas as mulleres que non tiveron a oportunidade de entrar no grande e por veces inxusto libro que é a Historia, un libro cheo de luces e sombras no que, non sabemos aínda moi ben por que (ou talvez si...), á muller sempre lle tocou estar relegada á escuridade.
Así, o LUNS proxectamos dúas grandes palestras sobre a situación social da muller. Chimamanda Ngozi e Emma Watson "viñeron" (transmutadas en imaxe de Youtube, iso si) ao noso centro para dárennos a súa visión ao respecto e alumnado e profesorado traballamos cunhas unidades didácticas especialmente deseñadas para a ocasión. Debatemos, indignámonos, compartimos mais, sobre todo, construímos pensamento, un pensamento plural e integrador.
Continuándomos con esta visibilización da muller o MARTES as nosas alumnas e alumnos de 2º da ESO desfrutaron dunha gran película que contou con tres nomeamentos aos Óscar, Figuras ocultas. Absolutamente emocionante! Por iso, se non a vistes, recomendámosvola. 
Xa no XOVES, o cantautor Xoán Curiel e mais a profesora de lingua galega, Iris Gey, ofreceron ao alumnado de 3º da ESO un concerto didáctico ao redor do Pergamiño Vindel que sorprendeu polo seu enfoque feminista (sabiades que existe unha tese que defende que as cantigas de amigo foron en verdade creadas por mulleres e non por trobadores? Pois nós xa si! ;-) ). Alén das cantigas do Pergamiño, deleitáronnos con outras pezas, todas elas ligadas a grandes figuras femininas: María Soliña, Rosalía de Castro... Unha delicia! 
Mais a sección musical non terminou aquí, nin moito menos, que vos temos moita rapazada talentosa e así o VENRES os de 1º da ESO puideron asistir a un concerto único no que demos voz ás meirandes autoras de todos os tempos. Houbo piano, frauta, grandes voces solistas, grupos o noso marabilloso coro... E máis de algún e algunha pensamos aquilo de "De Manuel Carrasco e Malú escoitaren isto quedabamos sen alumnado fixo; todos a La Voz seguro!" (pensando seriamente en crear un La Voz Salvador de madariaga... Que opinades?).
Pero como non todo vai ser música nesta vida, tamén tivemos ciencia, artes plásticas e enxeñaría urbanística e así puidemos ver unha exposición de mulleres na ciencia, unha reprodución marabillosa do cadro d´As Meninas á entrada e advertir como no noso rueiro da Coruña non ha apenas ningunha representación feminina. E como no Salvador de Madariaga somos moi reivindicativos, puxémonos a traballar. En que? Ah! Teredes de esperar unhas semaniñas, pero xa vos anunciamos que no noso centro haberá avenidas, prazas... Que cousas! Están tolos estes “Madariaganos”!

Esperámosvos no próximo post e, xa sabedes, admitimos comentarios (é máis, desexámolos! :-)).







sábado, 24 de noviembre de 2018

EXTRA EXTRA! HABEMUS TWITTER!

Pois iso, que habemus Twitter! :-)

https://twitter.com/SalvadorIes

Aquí poremos as ligazóns ao blog, mais tamén compartiremos novas que achemos importantes e que vos poidan interesar en cuestión de ciencia, literatura, lingua, tecnoloxía, filosofía, música, palestras...

E quen sabe! Se cadra tamén nos instagrameamos! Que credes? Deberiamos? De quixerdes, opinade por aquí; aínda non o temos claro e a Biblioteca somos todas e todos. A vosa opinión tamén conta! :-)


HAHULA HULA!

No Salvador de Madariaga estamos a vivir uns días moi intensos, repletos de actuacións e visitas que ben merecerían aparecer na primeira plana de todos os xornais, mais, como as primicias "primiciosas" sempre volas contamos primeiro por aquí, o New York Times terá que esperar para dar boa conta delas :-).
Xa sabemos que hai un par de semanas foi a Semana Cultural (da que falaremos nun post especial, porque ben o merece), mais nesta ocasión queriámosvos traer aquí a visita de Samuel Mountoumnjou, un narrador oral, profesor de idiomas e mediador intercultural que nos deleitou coa maxia camerunesa a través de contos tradicionais nos que os protagonistas principais, os animais (non volo perdades!), falaban francés. Así, tivemos un porcoespiño cunhas pugas moi especiais a modo de lapis que dialogaba en perfecto francés de París (pronunciado así, "Paggíiiii") cun elefante que non se quedaba atrás niso de decir "merci beaucoup" (algo así como "meeggggssí bocúuu"). Aquí na foto podedes velos! Non me diredes que non vos encantan!

 Alumnado e profesorado quedamos encantados co bo facer de Samuel, que soubo empatizar moi ben non só cos nenos e nenas que tiveron a oportunidade de o escoitar, senón tamén cos profes e profas, que quedamos encantados, á espera de que nos volva visitar con mil historias máis cheas de valores humanos como a ética, a solidariedade e o respecto. Ah! E de que nos anime a ruxir ben forte coma leóns iso de HAHULA HULA!, que ben a significar algo así como "CÓNTANOS UN CONTO!".
O noso agradecemento á profesora Mari Luz López Pallares, profesora de francés, que con moita ilusión foi a promotora de toda esta maxia. Un aplauso para ela!

E agora si, todos xuntos: HAHULA HULAAA! :-)

Boa fin de semana e non vos esquezades de vivir novas experiencias para ter moitos contos que contar! ;-)

lunes, 12 de noviembre de 2018

Novo curso, novos folgos

Casi dous meses pasaron xa desde que voltamos ás aulas, e na Biblioteca estamos en plena actividade.

Xa están a funcionar os clubes de lectura, con máis xente que nunca. Vese que o gusto pola lectura é contaxioso.

O Fuxitivo xa foi atopado. Custou un pouquiño máis que outras veces, pero a montaxe foi fantástica. Adiviñades que libro era?



O fío condutor das nosas actividades segue a ser "Mulleres e Pensamento". Decidiramos o curso pasado escoller o tema por ano natural, non ano escolar, así que ata xaneiro seguiremos a traballar nel.

martes, 26 de junio de 2018

Actuación do Coro do Instituto no CEIP Emilia Pardo Bazán

Onte os alumnos do coro foron visitar o CEIP Emilia Pardo Bazán, resultou unha experiencia moi emocionante, xa que moitos deles estudaron nese Centro. A Actividade converteuse nun espazo de convivencia, onde o noso Coro Actuou para os alumnos de 5º de Primaria e para un grupo de Infantil de tres anos, ao que seguiu un pequeno coloquio entre o alumnado de ambos centros, e para rematar escoitamos a actuación dos nenos e nenas de tres anos, e a canción e o baile dos alumnos de quinto de Primaria. Unha Experiencia estupenda que deixounos a todos ganas de repetir.


miércoles, 20 de junio de 2018

Club de Lectura de 1º da E.S.O.

Despedimos o curso cunha festa na biblioteca e pechamos vendo o vídeo da última actividade do club de lecutra de 1º da E.S.O.