viernes, 1 de marzo de 2019

Lalalaleando no I Encontro de Coros Escolares do IES Afonso X O Sabio

O pasado martes o noso benquerido coro asistiu a un encontro moi especial no que compartimos experiencias, risos, mais, sobre todo, moita música. O acto, organizado polo Afonso X O sabio, enmárcase dentro do proxecto Afonso a escena, co que se pretende favorecer a práctica de artes escénicas e mellorar a calidade de ensinanza a través dela.
Realmente emotivo foi o discurso inicial da vicedirectora e organizadora, Beatriz Alonso Pérez-Ávilae, que incidiu na importancia deste tipo de encontros non para ver quen canta mellor ou peor, non para competir ou agradar os outros a través da música, senón para nos agradar a nós mesmos, para descubrir a nosa propia voz, ese instrumento tan poderoso que nos pon en contacto co mundo. Voces agudas, graves, afinadas, desafinadas, certeiras ou cambiantes, todas son benvidas e todas son bonitas. Unha mensaxe que é necesaria, pois moito alumnado, especialmente rapaces, se sente frustrado ou avergoñado polo seu cambio de rexistro na adolescencia e por non se escoitar, manda a súa voz castigada ao cuarto escuro. Desde aquí animámosvos a que a rescatedes, lle poñades un micro e a compartades. É vosa. Está ben. É valiosa.


Nesta ocasión, o noso coro interpretou tres cancións marabillosas, dirixidas pola nosa profesora de música e bibliotecaria favorita, Irene Caeiro: Memoria da noite, de Luar na Lubre, Dreamers, da compositora pouco recoñecida Joyce Eilers Bacak que tentamos visibilizar no noso proxecto Copyright, na Semana Cultural dedicada ao tema Muller e pensamento, e Somewhere, un dos temas principais do musical West Side Story.


E se queredes ver como soamos, podedes vir un luns no segundo recreo ou os xoves no primeiro. Non mordemos (todo o máis, algúns, bocadillos de xamón ;-) ), só cantamos ;-). 



Vén e participa!

No hay comentarios:

Publicar un comentario