jueves, 13 de noviembre de 2014

CONCURSO LEMBRANZAS DO NADAL EN TEMPOS DE GUERRA




Propómosvos un concurso para investigardes sobre como viven os nenos as festas do Nadal en tempos de guerra. A nosa sociedade asocia o Nadal con tempos de alegría infantil, de vida ao calor do fogar e tamén de moito consumismo…. Porén, cando toca vivir esas datas en tempos de guerra, ou de posguerra, de escaseza ou privacións como se viven nos países que sofren conflitos armados ou padecen as súas consecuencias, as cousas son moi diferentes… Procurade información e describide esas vivencias.

Podedes preguntar os vosos avós ou xente de idade que viviu a guerra ou a posguerra, podedes investigar en xornais, libros ou outras fontes de información. Outra vía de pesquisa téndela en relatos, poemas, novelas, documentais ou películas que recollan lembranzas desas experiencias.

O formato dos traballos é libre, podedes facer presentacións, entrevistas, carteis ou murais, poesías, exposicións escritas, narracións… Valoraremos a orixinalidade e a calidade da presentación. 

Podedes presentar eses traballos desde o 17 de novembro até o 5 de decembro. Se o soporte é físico, podedes entregalos na biblioteca e se é dixital, podédelos enviar ao correo da biblioteca bibliosalmad@gmail.com

Os mellores traballos gráficos serán expostos nos corredores do Instituto e aqueles seleccionados que empregaren medios audiovisuáis serán proxectados no salón de actos o último día de clase antes das festas do Nadal. Daremos un premio ao mellor traballo e as mencións que foren necesarias en cada categoría.

Falaremos tamén cos vosos profesores e profesoras para que eses traballos sexan valorados nas vosas cualificacións.





No hay comentarios:

Publicar un comentario