viernes, 16 de noviembre de 2012

CONCURSO DE FOTOGRAFÍA

Xa hai algún tempo que vimos anunciando o concurso de fotografía. Aproveitamos este espazo para animarvos a demostrar a vosa vea artística e presentar os vosos traballos.




BASES
Tes que realizar unha ou varias fotografías sobre o mar ou algo relacionado con el e entregala en formato dixital e en papel fotográfico (tamaño 20 x 25 cm.).
Cada imaxe debe ser anónima e ir acompañada dun sobre en que figuren os seguintes datos:
Nome do autor/a.
Título da imaxe.
Lugar onde se realizou a foto.
Data en que se realizou.
Datos técnicos.
A data límite para entregar os traballos é o 11 de xaneiro.
Valorarase nelas:
A perfección da imaxe: composición, luz, contraste, nitidez....
A adecuación do título á temática focada polo concurso.
A imaxinación con que foi captada: encadre, perspectiva…
O material presentado ficará exposto nos taboleiros do Centro ata o día da decisión do xurado (28 de xaneiro de 2.013)
O premio consistirá na entrega dun cartón-agasallo por valor de 40 euros.

Boa sorte!



martes, 13 de noviembre de 2012

Dez anos do Prestige

Estamos este ano de lembranzas. Dez anos pasaron do Prestige, para nós iso non é nada, para moitos de vós, toda unha vida. Porén, dez anos despois aínda non se depuraron responsabilidades, seguen sen se ter creado mecanismos que eviten que a traxedia poda volver repetirse. A pesar de que o Prestige convulsionou a sociedade galega de forma impensable até ese momento. Sírvannos estes vídeos para nunca esquecer o que pasou.

martes, 6 de noviembre de 2012

En Samaín

Anónimo presidente
Da nosa correspondente en 1º C da ESO, Laura Villamisar)

Este ano unha abraiante noticia deixou xeada a poboación galega.
No telexornal anunciaron que se acababan de atopar as caliveras dalgúns famosos piratas, reunidas nun dos máis antigos institutos da cidade da Coruña. Non trancendeu á prensa o motivo de tal reunión aínda que se barralla a posibilidade de que nela se tratasen as novas artes da piratería.
Para sorpresa de todos, ante a presenza dos periodistas, puxéronse a falar como se de vivos se tratase, e aproveitando tal feito fixenlles unha pequena entrevista a aqueles menos fuxidíos.
Barbavermella
-Bos días señor Barbavermella, como está vostede?
-Ben, despois de tantos anos enterrado vendo a luz do sol de novo, síntome moito mellor.
-Xa, compréndoo. Se non lle importa, gustaríame facerlle unhas preguntas sobre a súa vida de pirata.
-Vale, paréceme ben. Despois de todo, iso é o que en vida fun: un pirata.
-Iso de ser pirata era un traballo difícil ou doado?
-Dependendo do barco que abordaramos e de quén fose o seu capitán, a cousa podía ser máis ou menos complicada…
-Xa, e dígame, cal foi o tesouro máis grande que conseguiu?
-Oh! Atopei moitos tesouros, pero houbo un que me chamou moito a atención e aínda teño un vivo recordo do acontecido. Lembro que era unha mañá calurosa, a máis calurosa daquel ano. Acabaramos de abordar un barco perto das illas Baleares e estabamos cavando para atopar o tesouro na illa marcada . Xa desesperados porque non o dabamos atopado de súpeto sentín que algo duro tocaba a miña pa, era un...
-Un qué?
-Non me acordo, quedoume a mente en branco.
-Ben, señor non me deixe así…vou estar por aquí. Se se acorda, dígamo. Non me estrague o artigo que me debo aos meus lectores.
Benito Soto
-Vale. Chao.
Así me deixou, coa palabra na boca e a intriga na cabeza. Aproveitei para falar con outros piratas, pero non crean que puiden conseguir moito máis.
- Don Benito Soto. Pirata galego de renome. Sentirase vostede orgulloso de representar a pirateria galega?
-Si, estou moi orgulloso
-Vostede tamén atopou tesouros moi valiosos, non é?
-Claro, por suposto. Eu atopei estoxos cheos de ouro e mesmo coroas de diamantes.
-WAU!!
-E iso non é nada. Outros piratas atoparon restos de barcos que se afundiaran antes da nosa existencia e iso vale moito máis ca todo o meu.. 
E isto é todo o que lles podemos contar de tan sinistra reunión porque todos saíron correndo. Case non tiven tempo de lles dar as grazas e desexarlles que non os volvesen enterrar. Penso que a broma non lles gustou moito. 
Fontes non de todo ben informadas comentaron que se dirixían a un oculto magosto na praza de María Pita con quen querían recordar vellos tempos.

As únicas piratas asistentes



Os héroes do Orzán

Os alumnos de música de 1º de bacharelato e de 4º da E.SO. asistiron este martes, 6 de novembro, á estrea dunha obra que nos lembrou a gran traxedia vivida hai un ano na bahía do Orzán, cando tres policías perderon a vida tratando de salvar a un estudante eslovaco que non puido ser rescatado. Estas novas lémbranos sempre que o mar é o noso veciño, pero é poderoso e hai que respetalo. Esta obra servirá sempre para que a traxedia e o heroismo permanezan na nosa memoria

Os héroes do Orzán



jueves, 25 de octubre de 2012

The Abyss

O 6 de novembro proxectaremos o filme "Abyss", como xa foi anunciado en entradas anteriores. Se non estiveres moi animado, le esta información. De certeza, vaiche pór o corpo a andar e estarás cheo de vontade ver o filme. Poderás ver un trailer en versión orixinal con subtítulos en inglés ou castelán. Bon appetit!

 MARTES, 6 DE NOVEMBRO Hora: 18.15 Lugar: Biblioteca





EEUU, 1989
Dirección e guión: James Cameron 
Actores: Ed Harris, Mary Elisabeth Mastrantonio, Michael Biehn.
Fotografía: Mikael Salomon. 
Deseño de produción: Leslie Dilley.
Música: Alan Silvestri. 
Duración: 163 min. 

Sinopse: Das profundidades do Atlántico xorde unha forza descoñecida que pode mudar o mundo para sempre.... Neste emocionante filme de acción e aventura que se desenvolve baixo as augas, creada e dirixida por James Cameron (Titanic, Terminator 2, Aliens), un equipo civil dunha plataforma de perforación recibe a misión de procurar e rescatar un submarino nuclear misteriosamente afundido nas profundidades mariñas. Ben axiña, o grupo verase inmerso nunha odisea espectacular que ten lugar a 25.000 pés de profundidade, descubrindo e enfrontando unha forza misteriosa que ten poder abondo para mudar ou destruír o mundo.




               





Ciclo de Cinema

Comeza o mergullo. Dentro das actividades programadas polo equipo de biblioteca para este outono, informamos de convocatorias que de seguro acadarán moi boa resposta.
En primeiro lugar, o cine.
A partires do 4 de novembro estrenámosnos coa proxección do filme "Abyss". Todos os primeiros martes do mes visualizaremos unha nova película relacionada co tema do mar. Ás 6:15, un cuarto de hora despois do remate das clases, para que teñas tempo de comer o bocata, agardámoste na biblioteca para ver a peli. Lé antes os carteis anunciadores coa reseña da película, consulta no blogue  da biblioteca a información e prepárate para ser un crítico cinematográfico comentando e compartindo as tuas impresións con todos.




viernes, 19 de octubre de 2012

O NOSO FÍO CONDUTOR: O MAR






  
O mar do peixe, do lecer, dos solpores



"¡Que inapropiado chamar Terra este planeta, cando é evidente que debería chamarse Océano!"Arthur Clarke


O mar dos naufraxios, das traxedias, dos afogados,





Xeneroso e cruel, doce e salvaxe, o mar está tan presente na vida dos galegos que non se podería atopar un tema máis axeitado para pormos a andar este curso a nosa biblioteca.O mar dos naufraxios, das traxedias, dos afogados,  mais tamén o mar do peixe, do lecer, dos solpores. Materia de estudo de biólogos, físicos ou enxeñeiros, inspiración de artistas e artesáns, o mar ten acollemento nas nosas aulas e as nosas disciplinas como fío condutor de leccións, exposicións e concursos. Mergúllate nesta aventura e achégate á Biblioteca para partillar as actividades, desde a conmemoración do afundimento do "Prestige" ata o ciclo de cinema con temas mariñeiros. Con certeza, acharás a maneira de colaborar ou desfrutar as propostas.

Agardámoste!